«Infamia» (2019). Ledicia Costas.
Con esta novela pasoume unha cousa curiosa: gustoume moitísimo o estilo da narradora, o seu marabilloso galego... pero a trama resultoume menos atraínte. Quizá porque mestura demasiadas traxedias nunha, ou porque os personaxes principais, Enma e Lucas, buscan ser tan atípicos que, por intres, deixan de ser cribles, alomenos para min. A trama desenvólvese na pequena aldea de Merlo, onde recala Enma Cruz, profesora de Dereito Penal que estrea posto, tras romper co seu mozo e perseguida polo amor que sinte por Mario, un compañeiro de facultade, agora casado e con fillos, co que mantén una relación difícil de definir…









